Malaria ou Paludismo é unha doenza infecciosa aguda ou crónica causada por protozoos parasitos do xénero Plasmodium, transmitidos pola picada do mosquito Anopheles. A malaria mata a 2 millóns de persoas por ano, unha taxa só comparábel á da SIDA, e afecta máis de 500 millóns de persoas todos os anos. É a principal parasitose tropical, e unha das máis frecuentes causas de morte en nenos neses países (mata un millón de nenos con menos de 5 anos a cada ano). Segundo a OMS, a malaria mata a un neno africana cada 30 segundos, e moitos que sobreviven a casos severos sofren danos cerebrais graves e teñen dificultades de aprendizaxe.
O plasmodio é un protozoo, ou sexa un ser unicelular, eucariota como as células humanas. Existen catro especies que poden producir a infección:
O ciclo de vida do plasmodio é complexo. Os esporozoitos son unhas formas que existen nas glándulas salivares do mosquito Anopheles, sendo inxectadas no sangue da vítima humana. De aí, os esporozoítos invaden o fígado, onde, na forma xigante multinucleada de esquizontes, reprodúcense asexuadamente, xerando merozoitos - as formas invasoras dos glóbulos vermellos (hemacias ou eritrocitos). Invaden estas células por receptores diferentes para cada especie, de onde se explica a súa preferencia por sub-poboacións de eritrocitos. Dentro do eritrocito, o plasmodio non se detecta polo sistema inmunitario, cesando as manifestacións clínicas. No eritrocito, o plasmodio divídese asexuadamente ata que, debido ao número excesivo de merozoítos, o eritrocito rebenta. Nesa altura volta a haber febre e outros síntomas, porque os merozoítos e as substancias químicas por eles producidas dentro do eritrocito son dispersas na corrente sanguínea e identificadas polos leucocitos. Estes producen citocinas (especie de hormonas) cando identifican os invasores. Febre violenta, tremores, malestar, dores, son algúns dos efectos da estimulación no cerebro pola citocina IL-1 (a temperatura alta é producida polos tremores musculares e causa malestar, mais inhibe a multiplicación de microorganismos, que prefiren 37ºC). Eses merozoítos invaden entón novas hemacias, multiplicándose cada vez máis a cada ciclo. Algúns transfórmanse en gametontes que se zugan, xuntamente co sangue, por outros mosquitos. Os gametos masculino e feminino fóndense no corpo do mosquito, dando orixe a un cigoto, que se multiplica en novos esporozoítos, que migran para as glándulas salivares do insectos hóspedes. Esta fase de reprodución sexual permite unha maior variabilidade xenética, o que explica que un individuo afectado non desenvolve sempre resistencia eficaz a outras estirpes.
O parasito produce e secreta proteínas que son expresas na membrana celular do eritrocito infectado e que se ligan a outras proteínas producidas polo endotelio dos vasos sanguíneos. Así o eritrocito hóspede acólase á parede do vaso, evitando a pasaxe polo bazo, un centro importante da filtración inmunolóxica do sangue, onde son destruídos moitos eritrocitos infectados. A propensión dos eritrocitos infectados a se concentraren nos vans pode levar á oclusión dos pequenos vasos, con hemorraxias e infartos, especialmente na malaria causada por P. falciparum. Estas proteínas non son útiles para a formación de anticorpos específicos, porque o parasito posúe xenes para máis de 50 variedades coa mesma función, a cando os anticorpos contra esas proteínas comezan a ser producidos xa a maior parte dos parasitos está a usar outra variedade.
O mosquito da malaria só sobrevive con temperaturas mínimas maiores que 15ºC, e só atinxe número suficiente de individuos para a transmisión da doenza en rexións con temperaturas de preto de 20-30ºC no mínimo, e humidade alta. Soamente pican ao home os mosquitos femias, alimentándose de sangue. Os machos viven dos zumes de plantas. As larvas desenvólvense en augas paradas, maximamente durante as estacións de choivas abundante.
Máis tarde caracterízanse por accesos periódicos de calafríos e febre intensos que coinciden coa destrución maciza de hemacias e coa descarga de substancias inmunoxénicas tóxicas na corrente sanguínea ao fin de cada ciclo reprodutivo do parasito. Estas crises paroxísticas, máis frecuentes ao caer da tarde, inícianse con subida da temperatura ata 39-40ºC. Son seguidas de palidez da pel e tremores violentos durante preto de 15 minutos a unha hora. Despois cesan os tremores e séguense dúas a seis horas de febre a 41ºC, terminando en vermellón da pel e suores abundantes. O doente séntese perfectamente ben despois e ata á crise seguinte, dous a tres días despois. Se a infección for de P. falciparum, denominada malaria maligna, pode haber síntomas adicionais máis graves como: choque circulatorio, Síncopes (desmaios), convulsións, delirios e crises vaso-oclusivas. A morte pode ocorrer a cada crise de malaria maligna. Pode tamén ocorrer a chamada malaria cerebral: a oclusión de vasos sanguíneos no cerebro polos eritrocitos infectados causa déficits mentais e coma seguidos de morte (ou déficit mental irreversíbel). Polas mesmas razóns tamén ocorren danos renais e hepáticos graves. As formas causadas polas outras especies ("benignas") en xeral son soamente debilitantes, raramente ocorrendo a morte.
Os intervalos entre as crises paroxísticas son diferentes segundo a especie. Para as especies de P. falciparum, P. ovale e P. vivax, o ciclo da invasión de hemacias por unha xeración, multiplicación interna na célula, lise (rebentamento da hemacia) e invasión pola nova xeración de máis hemacias dura 48 horas. Normalmente hai accesos de febre violenta e tremores no día 1, e pasados 48 horas xa no día 3, etc, clasificándose como malaria ternaria. A infección polo P. malariae ten ciclos de 72 horas, dándose no día 1, despois no día 4, etc, constituíndo a malaria cuaternaria. A detección precoz de malaria cuaternaria é importante porque este tipo non pode ser debido a P. falciparum, sendo polo tanto menos perigoso.
Síntomas crónicos inclúen a anemia, cansazo, debilitación con redución da capacidade de traballo e da intelixencia funcional, hemorraxias e infartos de incidencia moito aumentada, como infarto do miocardio e AVCs (especialmente con P. falciparum).
Se non se diagnostica e trata, a malaria maligna causada polo P. falciparum pode evoluír axiña, resultando en morte. A malaria "benigna" das outras especies resulta en debilitación crónica mais máis raramente en morte.
É unha das doenzas máis importantes para a humanidade, debido ao seu impacto e custos, e constitúe un fardo extremadamente pesado para as poboacións dos países atinxidos, principalmente en África, incomparábel aos custos sociais de calquera doenza occidental. A malaria existe potencialmente en todas as rexións onde existen humanos e mosquitos Anopheles en cantidade suficiente, o que inclúe todas as rexións tropicais de todos os continentes e moitas rexións subtropicais. Hoxe en día, a África é particularmente atinxida, estando poupadas apenas o Norte e mais Sudáfrica. Na América existe en toda a rexión central (México e os países do istmo), no Caribe e mais no norte da América do Sur. Na Asia está presente en todo o subcontinente indiano, Medio Oriente, Irán, Asia central, Sueste asiático, Indonesia, Filipinas e sur da China. A malaria xa existiu mais erradicouse no século XX da rexión mediterránea, incluíndo Sur da Europa: Portugal, España, Italia, sur da Francia e Grecia; e no Sur e Oeste dos EUA. Ao todo, viven case 3 mil millóns de persoas en rexións endémicas (ou sexa, metade da humanidade) en máis de 100 países.
Hai, todos os anos, 300 a 500 millóns de casos da malaria, dos cales máis do 90% en África, a maioría con resolución satisfactoria, mais resultando en enfraquecemento e perda de días de traballo significativos. Ela mata, con todo, preto de 2 millóns de persoas ao ano, cerca dun millón das cales son nenos con menos de 5 anos.
Na Europa, os casos son moito menos graves, habendo apenas algúns millares. A gran maioría dos casos impórtanse de persoas que visitan países tropicais.
A drenaxe de pantanos e outras augas paradas é unha medida de saúde pública eficaz.
O tratamento farmacolóxico da malaria baséase na susceptibilidade do parasito aos radicais libres e substancias oxidantes, morrendo en concentracións destes axentes inferiores ás mortais para as células humanas. Os fármacos usados aumentan esas concentracións.
A quinina (ou o seu isómero quinidina), un medicamento antigamente extraído da casca da Cinchona, aínda se usa no seu tratamento. No entanto, a maioría dos parasitos xa é resistente ás as súas accións. Foi suplantada por drogas sintéticas máis eficientes, como quinacrina, cloroquina, e primaquina. É frecuente o uso de cocktails (mesturas) de varios destes fármacos, pois hai parasitos resistentes a calquera deles por si só. A resistencia torna a cura difícil e cara.
Ultimamente a artemisinina, extraída dunha planta chinesa, ten dado resultados encoraxadores. Ela produce radicais libres en contacto con ferro, que existe especialmente na hemoglobina no interior das hemacias, onde se reproduce o parasito. É extremadamente eficaz en destruílo, causando efectos adversos mínimos. No entanto, as cantidades producidas hoxe son insuficientes. No futuro, o cultivo da planta artemisina na África poderá reducir substancialmente os custos. É o único fármaco antimalárico para o cal aínda non existen casos descritos de resistencia.
Algunhas vacinas están en desenvolvemento.
Outros portadores de doenzas xenéticas, como algunhas talasemias, ou deficiencias no xene da encima glicose-6-fosfato deshidroxenase, existentes no Mediterráneo tamén poderán ser o produto de selección natural positiva dos portadores debido a maior resistencia ao parasito. Algunhas desas mutacións aumentan os radicais libres nas hemacias, aos cales é susceptíbel o parasito.
A malaria foi unha das doenzas que máis atinxiron o Imperio romano e a súa base de poboación e económica, levando á súa caída.
A malaria foi unha das principais razóns da lenta penetración dos europeos no interior da África cando a época colonial. Mesmo no caso dos portugueses, que debido á súa maior propensión para casar con nativas, axiña desenvolveron descendencia parcialmente resistente, as colonias de Angola e Mozambique continuaron moitos anos a situarse na costa, máis fresca e salubre.
Na América do Sur, os nativos (indios) dos Andes e outros tiñan usado desde tempos inmemoriais a casca da árbore da Cinchona para tratar a malaria, así como os chineses xa usaban a planta Artemisa (unha "nova" droga antimalárica revolucionaria "descuberta" só recentemente). En 1640 o español Juan del Vego usou a tintura da casca da cinchona para tratar con éxito a malaria. En 1820 os franceses Pierre Pelletier e Joseph Caventou extraeron con éxito a quinina, o principio activo antimalárico, da tintura.
O italiano Giovanni María Lancisi foi quen, en 1717, notando que eran os habitantes dos pantanos os que máis sufriron da doenza, renomeou o Paludismo de Malaria, significando "malos ares".
Co desenvolvemento da quinina (hoxe a resistencia do parasito é case universal debido ao mal uso), o primeiro fármaco antimalárico, os europeos puideron sobrevivir en gran número no interior africano, dando finalmente orixe, no fin do século XIX, á carreira polas colonias africanas e partición do continente entre Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña, Bélxica, Italia e España.
O causante da Malaria, o Plasmodium, foi descuberto polo médico do Exército Francés, Charles Louis Alphonse Laveran, traballando na Arxelia, que recibiu o Premio Nobel da Fisioloxía e Medicina polo seu traballo, en 1907.
A existencia de malaria e outras doenzas debilitantes como aEnfermidade do sono é, segundo moitos especialistas, a razón da falta de desenvolvemento de moitas civilizacións (houbo aínda así algunhas) preeminentes na África ao sur do Sahara. A África, como berce da humanidade, é tamén o berce de moitos parasitos e doenzas infecciosas humanas, moitas das cales non existen en máis ningún lado. O custo económico e social da malaria e outras doenzas africanas é inimaxinábel para un occidental ou mesmo un americano ou asiático da rexión tropical. Espérase que co desenvolvemento futuro de medicamentos e terapias eficaces contra a Malaria así como outras doenzas, incluíndo a SIDA, o progreso económico e social dos africanos se acelere.
Malaria | ملاريا | Malarija | Malària | Malárie | Malaria | Malaria | Malaria | Malario | Malaria | Malaria | Paludisme | מלריה | Malarija | Malaria | Malaria | Malaria | マラリア | 말라리아 | Malaria | Malaria | Malaria | Malaria | Malária | Малярия | Malaria | Malarija | Маларија | Malaria | Malaria | Sıtma | 疟疾