Arthur Schopenhauer (22 de febreiro de 1788 – 21 de setembro de 1860). Filósofo polaco-alemán.
Arthur Schopenhauer naceu en Stutthof (Sztutowo), cerca da cidade báltica de Danzig (Polonia) en 1788. Fillo de Heinrich Floris Schopenhauer e Johanna Schopenhauer, unha familia mercantil de clase media de orixe holandesa, parecía destinado á carreira comercial do seu pai, con quen fará longas viaxes por Francia e Inglaterra. En 1793, cando a cidade é anexionada por Prusia, a familia múdase a Hamburgo. Morto o pai en 1805 abandonará os estudos de comercio e comezará a estudar medicina en Göttingen, que abandona finalmente pola filosofía aconsellado por Gottlob Schulze, que lle recomenda ler a Platón, Aristóteles e Kant. En 1811 trasladouse a Berlín, onde amosou certo interese polas disertacións de Schleiermacher e de Fichte. En 1813, tras unha breve estadía na casa familiar de Weimar, na que coñece a Goethe -amigo de súa nai, tamén escritora- e ó orientalista Friedrich Majer, encérrase en Rudolstadt, onde acaba de redactar a súa tese doutoral, A cuádruple raíz do principio da razón suficiente (1813), que presentaría para o título de doutor na universidade de Jena. Trala tese, durante os catro anos que residiu en Dresde, compoñerá a súa obra principal (O mundo como vontade e representación), que non tivo o éxito que lle prevía, pero que coñecerá dúas novas edicións en vida do autor (a 2ª en 1844, con 50 novos capítulos, e a 3ª en 1859) . En 1820 consegue ser profesor da universidade de Berlín, onde leccionará criticamente sobre Hegel, sen éxito, durante seis meses. Viaxa por toda Italia visitando Florencia, Roma, Nápoles e Sicilia ata que, de volta en Berlín, decide retirarse a Frankfurt do Meno en 1831, onde levaría unha existencia burguesa, célibe e apracible, durante case trinta anos. En 1836, publica Sobre a vontade da natureza e en 1851 unha colección de ensaios e aforismos, Parerga e Paralipómena, que por fin lle dan sona en vida. De carácter intransixente e pouco favorable ó contacto humano, gañou unha merecida fama de irreductible misántropo. Morreu de pleurite en Frankfurt en 1860.
Na súa obra máis famosa O mundo como vontade e representación, Schopenhauer afirmaba a vontade como chave da razón. A súa idea de que sen vontade non hai nada é xeralmente vista como unha expresión clásica do pesimismo filosófico. É criticado por adoptar e defender unha especie de pesimismo de corte romántico que entende a vida como sufrimento. Non obstante, conforme á filosofía oriental, en particular o budismo, a súa obra predica a salvación, a entrega, e a anulación do sufrimento na contemplación estética, na simpatía polos demais, e na vida ascética. Neste sentido recoñecía a superioridade do budismo e do misticismo hindú sobre a teoloxía cristiá dominante na Europa da súa época. A súa admiración por Kant corría en paralelo co desprezo polos idealistas da época. Para el, a representación é a dimensión aparencial da realidade, mais por baixo aparecerá a vontade se se trata de descubrir o que agocha, froito de intuír a vontade propia, irracional na súa propia natureza. A propia vontade non é máis ca un caso da Vontade que invade o mundo (algo así como a entropía da física) e que se manifesta dende os seres inorgánicos ata no ser humano, onde conflúen vontade e representación. A cuestión é que a vontade que busca a súa propia conservación é egoísta, por iso é necesaria a existencia do Dereito para coutala. O coñecemento da realidade posibilita superar o egoísmo e simpatizar co resto da Natureza, nunha sorte de identificación nirvánica.
As súas ideas románticas e irracionais influenciaron os eidos da filosofía (e.g. Nietzsche, Bergson e Wittgenstein), da psicoloxía (Freud e Jung, por exemplo), da literatura (Thomas Mann, Hermann Hesse, Marcel Proust, Michel Houellebecq e un longo etcétera) e a música (Wagner).
Arthur Schopenhauer | Артур Шопенхауер | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | ארתור שופנהאואר | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | アルトゥル・ショーペンハウアー | 아르투르 쇼펜하우어 | Artūras Šopenhaueris | Artūrs Šopenhauers | Артур Шопенхауер | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | Шопенгауэр, Артур | Arthur Schopenhauer | Артур Шопенхауер | Arthur Schopenhauer | Arthur Schopenhauer | 亚瑟·叔本华
This article is licensed under the GNU Free Documentation License.
It uses material from the
"Arthur Schopenhauer".
Home Page • arts • business • computers • games • health • hospitals • home • kids & teens • news • physicians • recreation• reference • regional • science • shopping • society • sports • world